BUCHABADE

Acerca da Comunidade de Augas

O traballo dos nosos devanceiros

Pepe Serrapio foi un dos artífices mais activos para que Buchabade levara auga ás casas no ano 1975. Tamén relata que toda a veciñanza apoiou económicamente para captar dous manantiais, facer un depósito e as distribucións até as casas. Quen sabe que traballiños pasaron!

A día de hoxe o seu traballo segue sendo útil: os manatiais e o depósito seguen a funcionar. O noso agradecemento nunca será moito.

Unha nova xestión da auga

Durante moitos anos a auga continuou fluíndo ás casas. Nos anos 2010 a 2012 renovouse toda a distribución de baixa (depósito-casas) sustituíndo ás vellas canalizacións de PVC polas de PE negro. A inversión rondou os 40.000€ satisfeito con fondos cumunais.

No ano 2017, nun escenario de seca extraordinaria, pretenderon facer un transvase de auga dende o río Verdugo a Vigo. Isto fixo que no medio da resposta social a esta obra xurdiran varias custións: ¿Como xestionamos a auga nas traídas locais? ¿Estamos preparados para as secas? ¿Somos eficientes?

As respostas a estas preguntas viñeron dunha viaxe a Tomiño co Presidente de Augas Miguel Calviño. Alí vimos cara onde tiñamos que ir e cales eran os novos deberes que había que facer na nosa traída.

Asociámonos ca COXAPO (agrupa a máis de 180 traídas veciñais), odernizamos as instalacións dos depósitos, filtramos a auga que ven dos manantiais, dotámonos de clorador, temos información vía satélite a tempo real de niveis do depósito, do consumo minuto a minuto, do cloro, da circulación de xente, e axeitámonos á normativa con moitos máis detalles. Invertíronse nesta andaina mais de 40.000€, e seguimos...

E agora que toca?

O que se fixo foi moito pero hai que seguir adaptándose ós novos escenarios. O quecemento global e a impredicibilidade climatolóxica marcan a folla de ruta. Todo indica que as secas van ser máis persistentes e que as normativas van ser máis restrictivas no uso da auga. Adaptarnos a este escenario parece o mais acaído.

Neste sentido xa temos en marcha o proxecto "pozo". A oferta de auga até hoxe depende dos manantiais superficiais do monte. A grande vantaxe deles é que non precisan bombeo e teñen boa calidade de potabilidade. A debilidade é que secan antes que as augas profundas. A estratexia de facer un pozo non pode ser para aumentar o consumo de auga senón para aumentar a seguridade en caso de seca e disminuír a presión sobre os acuíferos do monte.

Os seguintes proxectos, máis a medio plazo e dependentes de financiación, serían mellorar a xestión dotándonos de contadores intelixentes nas casas que permitirían controlar as fugas e os excesos de consumo a tempo real. Tamén disminuír o impacto sobre os acuíferos superficiais e garantizar un caudal ecolóxico e unha xestión progresiva de uso nos manantiais máis altos que permita que sigan alimentando ós inferiores.